Título orixinal: Con los brazos abiertos.
«Cos brazos abertos» presenta a diversidade a ollos da infancia a partir dunha xornada no colexio, onde nenas e nenos de distintas procedencias conviven felices e en harmonía, aprendendo e axudándose mutuamente, compartindo xogos, melodías, sabores, danzas… Esa diversidade plásmase na fisionomía e na pel dos escolares, nas súas respectivas linguas maternas ou nos costumes propios de cada colectivo.
Antonio Rubio abrangue toda esa valiosa riqueza con versos que destacan pola beleza e pola sutileza das figuras literarias.
Así, nestas aulas conflúen nenas e nenos con raíces en Asia, África, América, Centroeuropa… Trazando un paralelismo, o autor introduce a figura das criaturas mariñas e das aves migratorias, que sucan as augas e o ceo sen fronteiras que limiten a súa liberdade.
Este canto á esperanza dun mundo fraterno e igualitario complétase coas fermosas ilustracións de Maria Girón, onde a diversidade identifícase cunha ampla paleta cromática.
Ao dinamismo das escenas, con múltiples perspectivas, únense o realismo e a expresividade dos retratos.
1º-2º Primaria